Louro acusa á Xunta de "desidia" polo atraso na tramitación do ARI para o Centro Histórico
Por Alejandro Espiño
O ARI do Centro Histórico segue en punto morto. Desde que a Xunta de Galicia anunciase a súa declaración o pasado 8 de outubro, o Concello de Pontevedra non volveu a ter ningunha noticia ou confirmación oficial sobre este asunto. ÿ unha mostra, segundo Antón Louro, concelleiro de Urbanismo, da "desidia" do goberno galego, unha conduta que impide cumprir coa "gran expectativa" que este plan espertou, di, entre os veciños.
Os propietarios dun total de 30 inmobles do Centro Histórico, entre eles algunhas comunidades de propietarios, anotáronse nunha lista de espera provisional para aproveitarse das axudas recollidas no ARI. Trátase, segundo Louro, dalgúns edificios "coñecidos e relevantes" situados en Sarmiento, Rúa Alta, Praza da Verdura, Cousiño, Real, Praza do Teucro, San Telmo, San Nicolás, Sierra, Padre Luís, Soportales e César Boente.
Antón Louro, que recoñeceu estar "preocupado" polo atraso do ARI, que impide, entre outras cousas, informar públicamente sobre a súa tramitación, explicou que parte da culpa desta demora é tamén o Goberno central, xa que aínda non aprobou o Plan Nacional de Vivenda 2013-2016, no que se enmarcará este ARI. "Non temos previsión aínda que cando se aprobará, pero extraoficialmente nos din que sería en abril".
O edil socialista explicou que mentres o Goberno non aprobe este Plan de Vivenda, a Xunta non poderá aprobar o decreto do ARI nin regular as axudas que se contemplarán para a rehabilitación do Centro Histórico. "As escasas noticias que temos non nos permíten aventurar se o importe por vivenda será os 11.600 euros previstos inicialmente, ou será máis ou será menos", explicou Louro.
En todo caso, Antón Louro reiterou que en total neste ARI do Centro Histórico investiranse 70 millóns de euros entre 2013 e 2016, dos cales 23 millóns serán aportados polas institucións públicas para subvencionar aos propietarios dos inmobles e 9,5 millóns para obra pública e rehabilitación de espazos urbanos. O resto, é a cantidade que terán que aportar os interesados na rehabilitación das súas vivendas.
Segundo adiantou o responsable de Urbanismo, o Concello de Pontevedra primará aquelas actuacións que supoñan a realización de obras de gran magnitude "en detrimento de pequenos arranxos interiores". Terán prioridade a rehabilitación completa de edificios, o arranxo total de fachadas ou a reforma das cubertas, xa que indicou que no Centro Histórico "debemos enfocarnos ao máximo en medidas estéticas e de seguridade".