Suspenden a folga de autobuses tras un principio de acordo entre sindicatos e patronal
Por Redacción
Tres semanas, ata o próximo 2 de agosto, daranse de prazo os sindicatos e a patronal para avanzar sobre o principio de acordo que ambas as partes alcanzaron nas últimas horas e que permitiu suspender a folga de autobuses en Galicia.
Unha reunión de máis de seis horas, celebrada coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, permitiu que os sindicatos CC.OO, UXT e CIG chegaran a un principio de acordo relativo aos salarios do sector coa patronal, representada polas federacións Anetra, Fegabús e Transgacar.
O acordo sáldase cunha "recomendación" por parte da patronal para que se produza un incremento salarial do 2%, barreira que se pactará a partir de agora nas negociacións que se fagan a nivel provincial.
En todo caso, a suspensión da folga foi ratificada polas asembleas de traballadores nas catro provincias.
O pacto entre sindicatos e patronal chega despois de oito xornadas de paro no transporte de viaxeiros por estrada e cando o conflito parecía abocado a unha folga indefinida.
Neste horizonte de negociación tamén cobra importancia a data do 8 de agosto, día no que a Xunta espera que estean operativas as máis de 570 liñas correspondentes aos 41 novos contratos que forman parte da primeira fase da reordenación do mapa de autobuses de Galicia.
Relacionadas:
-
Volta á normalidade no transporte de autobuses co conflito aínda latente
Por Oskar Viéitez |
-
Os sindicatos non levantan a protesta no transporte
Por Oskar Viéitez |
-
Os piquetes fanse notar na cuarta xornada de paro no transporte
Por Oskar Viéitez |
-
Empezan dúas novas xornadas de folga de autobuses "con todo parado"
Por Oskar Viéitez |