O Grove pide unha reunión urxente con Cores Tourís por "graves problemas" nas estradas autonómicas
Por Redacción
O Concello do Grove solicitou unha reunión co delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, para trasladarlle que en plena tempada de verán seguen sen acometerse as actuacións necesarias nas vías de titularidade autonómica e estanse producindo problemas graves.
Solicitan unha reunión con carácter urxente para reclamar que se solucionen problemas que están provocando unha mala imaxe do Concello.
Un dos feitos máis chamativos que destacan é "o total abandono da limpeza das beiravías", pois o Concello vese na obriga de acometer a limpeza de Ardia e doutras estradas facendo uso dos recursos locais en lugares que son responsabilidade da Xunta de Galicia.
Ademais, consideran que resulta especialmente preocupante a situación da estrada de Ardia, onde se teñen feito probas de ruído logo dun cambio de asfaltado que está provocando problemas e molestias aos veciños da zona. Nesta estrada a Xunta tíñase comprometido a ubicar un semáforo de pulsador do que segue sen saberse nada.
Tamén denuncian graves problemas na estrada entre a rotonda da Lanzada e San Vicente, unha vía que concentra o acceso ás principais praias do municipio no que detectan deficiencias en materia de seguridade e accesibilidade. Entre outras, destacan a gravidade da ausencia de pasos de peóns nun lugar onde a xente transita tramos a pé para as praias, que está a supoñer situacións de risco.
O Concello considera un "agravio comparativo" que nas últimas semanas se teña comunicado que si se ían poñer en marcha pasos de peóns en estradas similares noutros municipios.