Denuncian a agresión a unha taquilleira da estación de trens de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O sindicato Comisións Obreiras informou que unha traballadora da billeteira da estación de trens de Pontevedra sufriu unha agresión física, sendo necesaria a intervención das forzas de orde pública.
Ocorreu o pasado 1 de xullo de 2017 e este sindicato enmárcao no conflito laboral que se vive por mor da decisión de Renfe de reducir case á metade o plantel de persoal de venda de billetes da estación de Pontevedra "empeorando o servizo e xerando episodios de tensión entre os usuarios e os traballadores".
Comisións Obreiras sinala que os cidadáns de Pontevedra "están a sufrir serias discriminacións" por parte da empresa pública Renfe, que resumen "na precariedade na prestación do servizo de venda de billetes información e atención do cliente".
Este sindicato asegura que a imaxe que exhibe o centro de viaxes de Renfe na capital é a de permanentes colas de clientes, soportando esperas "máis aló do razoable" antes de poder ser atendidos "observamos que os clientes ante esta situación anómala vense abocados a acceder ao tren sen o preceptivo billete e a adquirilo posteriormente no tren con recargo". A isto engaden que moitos trens circulan sen persoal comercial a bordo por falta de persoal e "os viaxeiros viaxan sen a cobertura do seguro por dano ou accidente".
"Con toda probabilidade se esta situación mantense non será a última agresión ademais do menoscabo que a seguridade e saúde que o persoal desta empresa está a padecer", apuntan desde o sector ferroviario de CCOO que condena de forma categórica dita agresión e insta a Renfe a tomar as oportunas medidas legais en defensa dunha das súas traballadoras.