Comezan os traballos de reforzo do firme na PO-226 ao seu paso por Cuntis
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e responsables da empresa adxudicataria, Covsa asistiron este mércores ao inicio dos traballos de reforzo do firme e selado de fisuras na PO-226 ao seu paso por este concello.
Os traballos suporán a mellora da estrada PO-226, entre os quilómetros 0 e o 12, afectando a un tramo situado no concello de Cuntis para o que se destinan algo máis de 20.000 euros. As obras consistirán no fresado e reposición do firme actual, actuando na calzada existente, dado que se detectou certo deterioro no mesmo.
Unha vez executada a mellora e reforzo do firme, reporase a sinalización horizontal mantendo os mesmos criterios na ordenación do tráfico que existen na actualidade. Os terreos sobre os que se vai a executar o proxecto pertencen ao dominio público da estrada polo que non será necesario expropiar novos terreos.
Tamén se incluíu no orzamento deste proxecto a limpeza e reperfilado das beiras destas estradas, a execución de cunetas de seguridade e a reposición das tapas de rexistro.
Estes traballos forman parte dun proxecto de mellora de estradas que tamén permitirá reforzar a PO-308 e a PO-531 e que suporá un investimento global de 850.000 euros. Ademais destas actuacións de reforzo e rehabilitación do firme, co repintado de marcas viais e símbolos nos tramos destas estradas, tamén se repintarán outros tramos de varias estradas nas comarcas de Pontevedra e Arousa.