Arde un camión na peaxe da AP-9 en Vilaboa
Por Redacción
Un camión de mercancías quedou calcinado por completo tras sufrir un incendio na peaxe da autoestrada AP-9, en Vilaboa. O seu condutor resultou ferido.
Segundo informou o 112 Galicia, o incendio produciuse despois de que o camión sufrise un rebentón nunha roda.
O camión, que circulaba en sentido A Coruña, ía cargado de electrodomésticos.
As lapas acabaron arrasando o vehículo en cuestión de pouco tempo. Ademais, tamén se produciron danos na iluminación e no asfalto.
Foi o propio persoal de Audasa, concesionaria da AP-9, quen alertou do suceso sobre as cinco da madrugada. Numerosos particulares tamén chamaron á central de emerxencias ao ver o incendio.
Desde o 112 mobilizouse aos Bombeiros do Morrazo e ao 061 para que atendese ao condutor. Ademais, tamén se desprazaron efectivos de Protección Civil e a Garda Civil.
O incendio non afectou á circulación da autoestrada en ningún momento.