Patrimonio dá luz verde á rehabilitación da ponte do Burgo
Por Alejandro Espiño
A Patrimonio parece que lle gustou o proxecto presentado polo Concello de Pontevedra para a rehabilitación integral da ponte do Burgo. Polo menos, non puxeron trabas para a súa execución. O departamento autonómico emitiu un informe mediante o que autoriza esta intervención, que o goberno municipal espera licitar este mesmo ano e que custará uns dous millóns de euros.
O informe de Patrimonio recomenda, iso si, que o proxecto manteña en pé os dous inmobles situados entre a ponte e o cruceiro da rúa Xoán Manuel Pintos, na cabeceira norte, ao entender que forman parte da súa imaxe actual. De conservar só unha, matiza, debe ser a máis antiga, a máis próxima ao cruceiro.
O proxecto propón actuar sobre unha superficie estimada de 6.758 metros cadrados, xa que ademais da propia ponte inclúense os entroncamentos con Valentín García Escudeiro na cabeceira sur e con Domingo Fontán e Juan Manuel Pintos na parte norte.
O goberno municipal peonalizará a ponte do Burgo creando unha plataforma única, elevando a calzada á altura das beirarrúas e habilitando un pavimento continuo a base de laxas de pedra gris de gran tamaño. As beirarrúas e os entroncamentos serán de formigón.
Ademais, renovarase toda a iluminación da ponte. Colocaranse puntos de luz no chan, sinalando o percorrido do Camiño Portugués a Santiago e iluminando cara arriba. Na varanda lateral, que será cambiada por unha nova estrutura metálica e galvanizada, tamén haberá luz, do mesmo xeito que nos arcos da ponte, que terán unha iluminación artística.
Na conexión con Valentín García Escudero, a intención é crear un gran paso de peóns elevado, similar ao que existe ante a Audiencia de Pontevedra, que sirva de continuidade entre os dous espazos.
Con respecto a esta parte, Patrimonio advirte que haberá que facer movementos de terra e, ao estar afectado polo Peprica, haberá que presentar e validar unha intervención arqueolóxica.
Pola súa banda, máis ambiciosa será a actuación no cruzamento con Domingo Fontán e Xoán Manuel Pintos. Eliminarase a rotonda actual, aínda que se manterán os dous carrís de circulación. No resto do espazo preténdese crear unha gran praza pública que terá plataforma única e contará co mobiliario urbano correspondente.
O elemento principal de todo este ámbito serán as árbores, xa que tras revisar fotos antigas desta zona, comprobouse que era unha área arborizada, aspecto que o Concello quere recuperar con esta actuación. A idea é que toda esta contorna poida ser aproveitada, entre outras cuestións, para actividades ao aire libre.
O Concello espera que esta peonalización da ponte do Burgo sexa unha realidade a finais de 2018.
Relacionadas:
-
O grupo socialista pide a creación dun albergue de peregrinos na ponte do Burgo
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
A iluminación en cores da Ponte do Burgo eleva o custe da súa reforma ata 2,5 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
10 proxectos que se farán en Pontevedra, haxa fondos europeos ou non
Por Redacción |
-
A peonalización da ponte do Burgo será unha realidade en 2018
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello quere crear unha praza de 6.500 metros cadrados na contorna da ponte do Burgo
Por Redacción |