Maiores e pequenos gozarán dunha activa fin de semana en Campelo
Por Alejandro Espiño
Unha tirolina de 140 metros que cruzará todo o porto de Campelo será o principal atractivo de Marexadiña, un amplo programa de actividades lúdicas, culturais e deportivas para todos os públicos que dinamizará todo o pobo de Campelo durante a próxima fin de semana, os días 14 e 15 de xullo.
Trátase dunha iniciativa organizada pola Asociación Cultural e Deportiva de Campelo, en colaboración co Concello de Poio e a Deputación de Pontevedra.
A edil de Deportes, Marga Caldas, sinalou que ao goberno municipal "nos parecía importante" levar a Campelo as actividades lúdicas que, o pasado verán, realizáronse nos areais de Lourido e Raxó.
O portavoz do colectivo organizador, Víctor Pradera, explicou que as actividades comezarán o venres 14, a partir das 16.00 horas, con inchables na Praza da Granxa. Ás 20.30 haberá unha exhibición de zumba e ás 22.30 horas proxectarase a película Os cazafantasmas.
Con música finalizará esta primeira xornada cun concerto de Raul&Cía, ás 00.00 horas, que farán versións de coñecidas cancións españolas, e un DJ ata as tres da madrugada.
O día grande será o sábado 15. Desde as 12.00 horas, funcionará a tirolina e, ademais, haberá xogos populares e actividades acuáticas con monitores na praia de Campelo. A partir das cinco da tarde, abrirán os inchables na Praza da Granxa, e ás 19.00 horas, mozas de Campelo farán un grafiti de 2x3 metros ilustrado "cunha imaxe simbólica para nós".
A esa mesma hora comezarán as actuacións musicais das bandas xurdidas da escola de música do Estudo Bonobo, en Pontevedra. Dous delas, Alan e Mushu, compartirán escenario a partir das 20.30 horas. Unha actuación do grupo coruñés Gran Reserva, que ofrecerá pop-rock dos 80 e 90 (22.30 horas) e un DJ amenizarán o resto da festa.
O deputado de Cultura, Xosé Leal, celebrou que a Asociación Cultural e Deportiva de Campelo apostase por esta programación "tan interesante" e que contribúe á convivencia interxeracional, ao ofrecer actividades para toda a familia.
Luciano Sobral, pola súa banda, destacou que grazas á iniciativa dos colectivos de Poio todas as fins de semana hai actividades diversas no municipio, un traballo que axuda a que "nos visite máis xente" e se incremente a actividade económica, especialmente no sector turístico e hostaleiro.