A Xunta empeza a rehabilitación do firme na PO-221 en Campo Lameiro
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas iniciou os traballos de rehabilitación do firme na PO-221 ao seu paso polo concello de Campo Lameiro.
Os case 52.000 euros cos que conta este proxecto permitirán rehabilitar o firme na travesía da PO-221, entre os puntos quilométricos 12,5 e 13, nos que se atopaba moi degradado.
Segundo informaron dende a Xunta, os principais problemas que presenta este treito do vial é a fisuración e elevado pulimento do pavimento de rodaxe, que provocan gran incomodidade aos usuarios, ao que hai que engadir o ruído xerado polo paso de vehículos que repercute na calidade de vida dos veciños anexos a esta vía.
Ante os danos que presenta a estrada neste tramo, e considerando que coincide unha travesía, optouse por unha solución de rehabilitación estrutural do pavimento, consistente no fresado de todo o firme cun espesor de 5 centímetros e posterior reposición á mesma cota con 5 centímetros de mestura bituminosa en quente previo rego de adherencia.
As obras realizaranse en terreos de dominio público adscritos á Axencia Galega de Infraestruturas, polo que non foi necesario realizar expropiación nin obter autorización algunha.