A Policía busca o condutor dun vehículo que se deu á fuga tras provocar un accidente en Vilagarcía
Por Redacción
A Policía busca o condutor dun vehículo Seat Ibiza 6922-FMB que na noite do domingo se deu á fuga tras chocar contra un Citroen C-5 no cruce entre Doutor Tourón e Alejandro Cerecedo. A Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía é a que instruiu as dilixencias despois de que o propietario do Ibiza presentase denuncia por sustración do seu vehículo.
Os feitos sucederon arredor das 23,30 horas da noite.
O Citroen, conducido por M.O.R., de 25 anos de idade, se dirixía por Doutor Tourón cara a praza de España cando outro vehículo, un Seat Ibiza, accedeu á mesma vía dende Alejandro Cerecedo cara Fariña Ferreño. Como consecuencia do impacto, o Citroen foi dar contra un bolardo, volcando.
O condutor do outro vehículo deuse á fuga, non sen deixar antes na rúa parte da defensa do seu coche e unha das matrículas.
Cando a Policía se puxo en contacto co propietario, este puido corroborar que estaba na súa casa, polo que presentou denuncia polo presunto roubo do seu vehículo. O condutor do Citroen resultou ferido leve.