José Ramón Piñeiro: "Non debería haber moitos problemas para chegar a un acordo" en Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez
"O tempo dános a razón", sinalou o secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Ramón Piñeiro, antes de lamentar "ter chegado a esta situación" no conflito xerado pola presenza de menores conflitivos na cidade infantil Príncipe Felipe.
Como novidade, Comisións Obreiras coincide con moitas das formulacións que fai o goberno provincial presidido por Carmela Silva. "É normal, moitas das súas propostas fixerámolas nós antes", afirmou Piñeiro, que está convencido de que "non debería haber moitos problemas para chegar a un acordo" pero se isto non é así "debería haber un plan alternativo".
Neste sentido, Comisións Obreiras propón á Deputación que ofreza aos concellos unha fórmula para acoller a nenos "en situacións de necesidade" durante a semana encargándose de levalos ás súas casas as fins de semana. Outra idea son internamentos "vía Deputación".
José Ramón Piñeiro mostrouse "totalmente de acordo" coa proposta de Deputación para que os técnicos do Príncipe Felipe sexan quen decidan os ingresos e permanencia dos menores no centro. Ademais coinciden en que os menores conflitivos deberían estar en centros alternativos da Xunta ou, en todo caso, "que non poidan interactuar co resto de nenos do Príncipe Felipe". Comisións Obreiras tamén cre que a Unidade de Primeira Acollida debería estar fóra do recinto.
Onde hai discrepancias é na posibilidade de crear un consorcio entre a Deputación e a Xunta xa que o consideran un "ardid do señor Mosquera para ir introducindo a idea da transferencia á Xunta".
Este sindicato apremou á Xunta e á Deputación a que resolvan "axilidade e altura de miras" este conflito xa que "bótase encima" o prazo para reservas de matrículas e solicitudes de inscrición dos nenos.
Relacionadas:
-
A Deputación reitera a súa vontade de "erradicar" a violencia no Príncipe Felipe fronte á "campaña orquestrada polo PP"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP solicita un pleno extraordinario para "fixar a postura" da Deputación sobre Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Presentan catro propostas para "erradicar de raíz" a violencia e o deterioro de Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
A Xunta tende a man á Deputación para falar dos menores do Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación potenciará Príncipe Felipe: "Non hai ningunha discusión sobre o seu futuro"
Por Oskar Viéitez |