O BNG intensifica ás críticas contra ENCE ás portas da súa factoría e tende a man á Xunta para cambiar a política forestal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse este luns ata Lourizán e, desde as portas de acceso á factoría de Ence, denunciou que a política forestal en Galicia está "ao servizo dunha pasteira" que "non só está a contaminar a Ría de Pontevedra, senón que está a hipotecar o futuro do noso país" e tendeu a man á Xunta de Galicia para cambiala.
Ana Pontón mantén a man tendida á Xunta "para que poñamos en marcha un grande acordo de país que deixe atrás o modelo do monocultivo de eucalipto" e se abra unha nova etapa que signifique riqueza, mellor conservación da biodiversidade galega e unha política eficaz para loitar contra os incendios forestais.
Na súa comparecencia dixo que "xa está ben" e é hora de asumir que "esta política forestal fracasou" e que, ademais, "é temerario non tomar medidas cando hai que tomalas". Considera tamén que non se pode mirar cara a outro lado ante traxedias como a que ocorreu semanas atrás en Portugal cun balance de 64 mortos e máis de 40.000 hectáreas de bosque arrasadas, pois "hai condicións estruturais que son moi parecidas entre Galicia e Portugal". "Hai que tirar conclusións do que pasou", reivindicou.
Pontón compareceu ante os medios acompañada polos alcaldes nacionalistas de Bueu e Poio, Félix Juncal e Luciano Sobral; a deputada Eva Villaverde; e os concelleiros pontevedreses Alberto Oubiña e Demetrio Gómez, ademais doutros cargos orgánicos do BNG. Quixo facelo para advertir que "non imos quedar calados porque unha empresa como ENCE teña tanto poder neste pais" e para asegurar que van seguir denunciando a situación.
Entre as súas críticas insiste en que o futuro forestal de Galicia está "hipotecado" polos intereses de Ence e polas "portas xiratorias do PP", que ten na actualidade no Consello de Administración da pasteira a tres ex altos cargos, Isabel Tocino, Carlos del Álamo e Pascual Fernández, mentres "o monte galego está convertido nun polvorín e claramente esa política de expansión descontrolada do eucalipto é un problema gravísimo".
"Temos neste momento máis do dobre do eucalipto do que prevía o plan forestal para o ano 2032", denuncia, e móstrase moi crítica coa "política de manipulación" que asegura que mantén Ence desde hai semanas ao asegurar que "os eucaliptos son algo así como un antídoto contra o lume".
Ana Pontón insiste en que o eucalipto é un "grave problema" para o medio ambiente e "converter Galicia nun gran eucaliptal o que significa é que se alimenta que os incendios cada vez sexan maiores, que teñan un impacto maior" e, por tanto, que é necesario poñer en marcha un cambio na política forestal.
Relacionadas:
-
O Concello oporase "con todos os medios dos que dispón" á supramunicipalidade de Elnosa
Por Alejandro Espiño |
-
O incendio de Portugal, di o BNG, debe ser unha "lección" para cambiar a política forestal galega
Por Alejandro Espiño |
-
Bueu aproba unha moción para reducir o eucalipto nos montes
Por Redacción |
-
Bará contrapón a eficacia do Plan Monte Vivo fronte á "aposta do PP polo monocultivo do eucalipto"
Por Redacción |