O Santuario das Aparicións, cercado por un cruzamento de denuncias xudiciais por despedimento, desafiuzamento e estafa
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Filomena Barreiro Entenza está a vivir o que define como "un auténtico inferno" na Terra e, curiosamente, atribúello a unha organización relixiosa. Responsabiliza da súa situación á Asociación Exercito Azul da nosa Señora Mundial de Fátima en España, comunmente coñecida como o Apostolado Mundial de Fátima; personaliza parte das acusacións no seu representante legal e secretario nacional, Jesús Ausocúa; e, como responsables colaterais, sitúa á Conferencia Episcopal e ao Arcebispado de Santiago. Filomena Barreiro foi toda a súa vida unha persoa relixiosa practicante e moi crente, pero a súa relación con estas persoas e institucións da Igrexa católica lévanlle a asegurar que perdeu "a confianza que tiñamos na Igrexa católica".
Ese inferno, "un calvario" noutros momentos da conversación na que relatou a súa historia a PontevedraViva, tivo a súa orixe tres anos atrás, cando en outubro de 2014 asinou un contrato de traballo e de aluguer co Apostolado Mundial de Fátima polo que se converteu na limpadora e coidadora do Santuario das Aparicións de Pontevedra e en inquilina dunha vivenda que forma parte do mesmo recinto, pero de acceso pola rúa San Martiño.
Agora tanto ela como o seu marido gañaron á organización relixiosa varias demandas por despedimento e reclamación de cantidades, pero, ao mesmo tempo, perderon unha causa xudicial pola que lle desafiúzan da vivenda e o Apostolado presentoulle unha querela criminal por dous delitos: estafa e administración desleal. Fontes oficiais do Apostolado confirmaron que o Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra admitiuna a trámite.
A situación actual é que a relación entre Filomena e o seu marido e o Apostolado xa se dirime só nos tribunais e o que foi un vínculo persoal e laboral moi forte está totalmente roto. Ela sente que "nos han tratado como a criminales" e non pode parar de chorar porque "ni hemos robado ni estafado ni engañado, no hemos matado a nadie, hemos defendido esta casa casi como nuestra vida" e, con todo, sente decepcionada e moi mal tratada.
Pola súa banda, Jesús Ausocúa, en declaracións a PontevedraViva indica que non quere entrar en polémicas e quere deixar que falen os tribunais, pero si recorda que se viron obrigados primeiro a un despedimento disciplinario e logo a presentarlle unha querela porque "rompió la buena fé contractual". Era de facto administrativa no ámbito legal e delegada en Pontevedra do Apostolado e, con todo, acabou aproveitándose da confianza depositada. Ela négao todo, sinala que só era a limpadora.
A nivel persoal, Filomena asegura que "siempre he sido una persona muy creyente" e agora cre que "en la Iglesia todo es mentira". A nivel laboral, tras sufrir unha baixa laboral prolongada, asegura que a despediron sen xustificación e debéndolle 8.700 euros de salarios impagados e unha importante cantidade a maiores ao seu marido, que podería chegar a 19.000 euros. A nivel xudicial, está metida en varias frontes como demandante e demandada.
Unha sentenza desafiúza a Filomena da casa anexa ao santuario na que vive desde 2014
Como demandante, gañou xa tres xuízos relacionados coa súa relación laboral co Apostolado, entre outras cuestións, por cambiarlle as condicións de traballo de forma inxustificada e non abonarlle o convido durante a súa baixa laboral. Como demandada, perdeu un cun fallo xudicial que xa recorreu, pero que a obriga a deixar a casa na que leva vivindo case tres anos xunto ao seu marido e a súa filla menor. O Apostolado pediu o desafiuzamento. É algo que considera que vai en contra dos principios que deben rexer o comportamento dunha organización que se di relixiosa e que axuda aos desfavorecidos.
A sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Pontevedra estima a demanda interposta polo Apostolado e declara que procede o desafiuzamento e condena a Filomena ao pago de 870 euros. Baséase na falta de pagamento de diversas mensualidades de renda, pero a desafiuzada recorreu ao entender que non procede tal falta de pagamento.
Segundo relata, cando a contrataron como limpadora, fixéronlle un contrato de aluguer para legalizar a ocupación da vivenda "porque no quería ser una okupa", pero no contrato xa ía implícito que durante o tempo que traballase alí non pagaría. Durante este tempo, ademais, mantén que non vivía alí e dedicáballe as 24 horas do día ao Apostolado e ao mantemento do Santuario das Aparicións, no que limpaba, pero tamén se encargaba de atender a quen se aloxaba na vivenda anexa, entre eles sacerdotes, grupos de oración e outros religosos.
O Apostolado considera que si debería ter pago e, tras despedila en febreiro deste ano, en marzo presentáronlle unha demanda de desafiuzamento. A vivenda estaba arrendada por razón do contrato de traballo e manteñen que, extinguida a relación laboral, non hai motivo para que sigan ocupando a casa. O xulgado non entra ao fondo desa situación, pero bótaa da súa casa porque non pagou as cantidades que lle reclaman os donos.
Mentres ela segue vivindo nesa casa, do Santuario faise cargo unha nova orde relixiosa que chegou tras o seu despedimento e ela manifesta un malestar crecente. Critica que xa antes dela estivo no Santuario unha orde moi cuestionada agora nos xulgados, os coñecidos como Miguelianos que seguían a Miguel Rosendo, agora en prisión.
Agora non cuestiona á orde que se fixo cargo, pero si á forma na que a ela apartárona de todo. Tamén que argumentan que non poden pagarlle os salarios debidos porque non teñen diñeiro e, con todo, manteñen ás tres relixiosas e o sacerdote alí asentados agora. E a súa decepción maior é co arcebispo de Santiago, Julián Barrio, con quen intercambiara correos electrónicos que acreditaban a súa relación persoal e laboral e, con todo, hai semanas, acudiu ao xuízo polo seu despedimento e asegurou que non tiña ningunha relación co Arcebispado. Filomena está doída e sente que "me están tratando como a unha terrorista" cando o único que fixo os tres últimos anos foi dalo todo por manter o santuario e a casa anexa en orde.