Criminoloxía, novidade nunha UNED Pontevedra que abre o seu prazo de matrícula
Por Redacción
O novo curso da UNED chega con novidades en Pontevedra. Incorpórase á oferta o grao de Criminoloxía que, do mesmo xeito que o resto das carreiras, abre este luns o seu prazo de inscrición. Estará aberto ata o próximo 20 de outubro.
Estes estudos, amplamente demandados tanto desde dentro como desde fóra da universidade, comezarán a impartirse desde o curso que vén no centro asociado á UNED de Pontevedra, situado en Monte Porreiro.
Estruturado en catro cursos académicos, o grao en Criminología da UNED preséntase como un proxecto colectivo no que participan cinco facultades e unha escola técnica superior -Dereito, Ciencias Políticas e Socioloxía, Psicoloxía, Ciencias, Filoloxía e a ETSI de Informática-, que implica a máis de 100 profesores e 20 departamentos.
Criminolozía, segundo a propia UNED, diferénciase do resto de titulacións similares precisamente polo enfoque psicolóxico e social que achega o seu carácter multidisciplinar e que sitúa ao novo grao na liña máis actual das correntes criminolóxicas. Ademais, o grao incluirá prácticas, que se ofertará nunha dobre modalidade, presencial ou virtual.
Durante o próximo curso académico 2017-2018 implantaranse simultaneamente os dous primeiros cursos, co obxectivo de facilitar o recoñecemento de créditos a aqueles estudantes que posúan outras titulacións. Os seguintes comezarán en anos sucesivos.
Loss estudantes de calquera titulación de grao sen limitación de prazas e que non teñan que solicitar admisión previa poden matricularse xa na páxina web da UNED.
Aqueles de outras universidades con estudos parciais e quen realizase a selectividade ou superado o acceso para maiores de 25 ou 45 anos noutra universidade deberán realizar a solicitude de admisión e traslado de expediente antes do 20 de outubro.
A UNED ofrece ademais a posibilidade de realizar calquera dos seus 11 graos combinados, unha modalidade que permite obter dúas titulacións de grao distintas cursando unha delas completa e, como máximo, a metade dos créditos necesarios para a obtención da segunda.
Relacionadas:
-
Catro de cada dez alumnos da UNED en Galicia están matriculados en Pontevedra
Por Redacción |
-
Conclúen os cursos de verán da Uned con incremento de asistencia e inscrición
Por Redacción |
-
A aula da UNED en Portas é xa unha realidade
Por Oskar Viéitez |
-
A UNED de Pontevedra presenta cinco cursos de verán
Por Oskar Viéitez |
-
A UNED dá luz verde a crear unha aula en Portas e un grao de criminoloxía
Por Redacción |