O 'cabezudo' de Rajoy, en Meis para denunciar que España ten bloqueados milleiros de refuxiados
Por Alejandro Espiño
Mariano Rajoy regresou este sábado á Ruta da Pedra e da Auga, na Armenteira. Pero nesta ocasión, ao tradicional lugar por onde o presidente do Goberno protagoniza longas camiñadas chegou en forma de "cabezudo" e por un marcado compromiso social.
Ata Meis chegou a campaña #Bloqueados por Rajoy, que puxo en marcha a ONG Oxfam Intermón para denunciar que o goberno español non cumpriu co compromiso de acollida aos refuxiados sirios.
Miles de persoas seguen esperando en Grecia e nos Balcáns, sinalan desde esta ONG, porque España segue sen respectar o acordo alcanzado. Das 17.337 persoas refuxiadas que debería ter acollido, só chegaron 1.304. É un 7,5% do total e o prazo para facelo conclúe o próximo mes de setembro.
O "dobre" do presidente do Goberno, ataviado con camiseta e pantalón deportivo curto para a ocasión, visitou a Ruta da Pedra e da Auga como parte da viaxe simbólica que está a percorrer por toda España ata completar os 5.053 quilómetros que equivalen á distancia que existe entre Damasco, a capital de Siria, e Madrid.
O portavoz de Oxfam Intermón en Galicia, Alberto Gómez, lamentou que España estea situada "á cola de Europa" na acollida de refuxiados, permitindo que estas persoas que foxen da guerra "sigan morrendo no Mediterráneo", tratando de escapar, ou que caian vítimas das redes de mafia e contrabando.
En España, dixo, falta "vontade política" para abordar esta situación. Por iso, a ONG decidiu impulsar esta campaña para trasladar a problemática á cidadanía "e que saiban que non é porque non haxa xente, diñeiro e medios" para atender aos refuxiados.
A situación en Galicia, segundo Alberto Gómez, "aínda é peor", xa que a esta comunidade só chegaron 20 refuxiados, unha cantidade "ridícula" ante a que as escusas son "inaceptables".
Ademais, o portavoz de Oxfam Intermón aproveitou o acto de Meis para criticar as recentes declaracións do ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, nas que acusaba ás ONG de favorecer a inmigración ilegal.
"É un auténtico bochorno e unha vergoña", sinalou Gómez, para quen o Goberno debería de evitar mandar á cidadanía "mensaxes equivocados" e pensar en respectar os dereitos humanos e os acordos alcanzados coa Unión Europa en materia de refuxiados.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- "Orgullosos" do labor solidario da Escola Xadrez Pontevedra en Xordania
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Reclaman que Pontevedra cifre o número de refuxiados que está disposta a acoller
Por Redacción |
-
Unha ministra saharauí agradece a Pontevedra a "boa acollida" que brinda ao seu pobo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Calor pontevedresa para unha refuxiada afgá de 107 anos
Por Natalia Puga |