O PP reúne veciños do rural para criticar as "imposicións" do goberno nas parroquias
Por Redacción
Moitos dos veciños do rural, segundo o Partido Popular, están "crispados" ante o que consideran "imposicións" do goberno municipal, ao non acordar con eles as actuacións a realizar nas respectivas parroquias.
A Casa das Campás acolleu unha xuntanza convocada polos populares na que participaron unha trintena de representantes das distintas asociacións e colectivos que forman parte dos consellos parroquiais do rural, para poder coñecer de primeira man as súas opinións e tratar así de canalizar as súas demandas.
"O noso obxectivo é escoitar aos veciños do rural, atopar puntos comúns que permitan canalizar todas as necesidades que ao longo destes anos veñen demandando", manifestou Jacobo Moreira, que asegurou que "non vimos a dividir á veciñanza, vimos a escoitalos e a darlles voz porque para o Partido Popular o rural si é unha prioridade".
Nos últimos meses, os populares aseguran que están a recibir numerosas queixas pola forma de actuar do goberno do BNG, que "en lugar de expoñer e dialogar cos veciños, impón as súas medidas", destacou o portavoz popular, quen lamenta que "Lores dea as costas aos veciños do rural contrarios as súas políticas".
"Sabemos que hai consellos parroquiais que funcionan ben, pero outros convertéronse nun auténtico desastre, incluso nalgunhas parroquias xa non se celebran e noutras o BNG directamente se salta os acordos acadados e impoñen as súas decisións", sinalou Moreira.
Os populares lembran que na maioría das parroquias de Pontevedra o saneamento segue a ser a necesidade máis urxente. Camiños sen asfaltar ou cunha pavimentación en estado lamentable, maleza, ausencia de beirarrúas ou escasa iluminación, son outros dos problemas que reclaman os veciños do rural e que, segundo o PP, non se están a atender.
O voceiro do PP avanzou que o seu partido vai a canalizar todas as reclamacións co obxectivo de que "dunha vez por todas o BNG de Lores atenda as peticións dos veciños de Pontevedra e deixe de mirar cara outro lado".
Relacionadas:
-
O PP urxe a través dunha moción que o Concello e a Deputación busquen "diálogo e consenso" no rural
Por Redacción |
-
O PP cualifica de "farsa" os consellos parroquiais
Por Redacción |
-
Pontevedra regulará os lombos, avisa Moreira, "porque es lo que quieren los vecinos"
Por Alejandro Espiño |
-
Moreira reduce os logros de Lores a unha "explanada" para autocaravanas e un "banco corrido" na Ferrería
Por Alejandro Espiño |