Presentan catro propostas para "erradicar de raíz" a violencia e o deterioro de Príncipe Felipe
Por Redacción
A Deputación entende que é urxente "erradicar de raíz" a violencia e inseguridade que están a sufrir os menores en acollemento e os traballadores de Príncipe Felipe. Por iso, vén de propoñer catro medidas para traballar coa Xunta "en plano de igualdade e mutuo respecto".
En dúas cartas remitidas ao conselleiro de Política Social e á directora xeral de Familia, a deputada responsable do centro, Eva Villaverde, sinala que non é posible continuar nos mesmos termos o actual convenio entre Deputación e Xunta polas súas "cláusulas abusivas" e "severas disfuncións".
Así, o goberno provincial propón un novo convenio que permita "recuperar, mellorar, modernizar, actualizar e potenciar" as funcións do centro e advirte que, no caso contrario, a Deputación seguirá con ese labor de impulso polos seus propios medios, "unha situación que non foi nunca nin é agora a nosa primeira opción".
As propostas de solución aportadas pasan, nun primeiro caso, por establecer clara e definitivamente que Príncipe Felipe é un centro de titularidade da Deputación, xestionado polos seus propios criterios e, en consecuencia, as decisión sobre todas as dependencias do centro "serán única e exclusivamente da Deputación".
En particular, reclaman que os informes sobre admisións e permanencias redactados polos técnicos provinciais pasen a ser os únicos determinantes e executivos.
Como segunda opción, a Deputación propón crear en Príncipe Felipe, por parte da Consellería, unha sección totalmente independente das demais en terreos ou edificios cedidos pola Deputación para atender as problemáticas "específicas" que xeran violencia e inseguridade, incluída a Unidade de Primeira Acollida (UPA), onde son acollidos os rapaces pendentes de valoración.
Outra alternativa é que a Consellería leve a UPA para outra localización fóra de Príncipe Felipe, así como os perfís "conflitivos", que apenas supoñen un reducido número, "polo que buscar alternativa sería fácil".
Finalmente, a última proposta da Deputación pasa por constituír temporalmente, dada a urxencia da situación, un consorcio entre Xunta e Deputación, en principio a partes iguais.
Mediante esta fórmula, a Xunta tería voz, voto e capacidade de decisión para que o centro pasase a funcionar coas normas que pretende a consellería, mentres se estuda a posibilidade da transferencia á Xunta de Galicia.
Con todo, a deputada delegada de Príncipe Felipe explicou que o goberno provincial está disposto a considerar outras alternativas, "pero sempre coa premisa de que a violencia e o deterioro de Príncipe Felipe teñen que cesar de raíz".
Relacionadas:
-
A Xunta e a Deputación manterán unha xuntanza este xoves para tratar o conflito do Príncipe Felipe
Por Anxo Lourido |
-
A Deputación reitera a súa vontade de "erradicar" a violencia no Príncipe Felipe fronte á "campaña orquestrada polo PP"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP solicita un pleno extraordinario para "fixar a postura" da Deputación sobre Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
José Ramón Piñeiro: "Non debería haber moitos problemas para chegar a un acordo" en Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta tende a man á Deputación para falar dos menores do Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación potenciará Príncipe Felipe: "Non hai ningunha discusión sobre o seu futuro"
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras esixe explicacións sobre os plans para a cidade infantil Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |