Revisan a seguridade das atraccións de feira das Festas do Carme
Por Redacción
Especialistas da empresa Enmacosa están a inspeccionar a instalación das atraccións de feira que se montaron na zona portuaria de Marín con motivo da celebración das tradicionais festas na honra da Virxe do Carme.
As revisións iniciáronse coa supervisión da documentación de cada atracción e continuaron cunha análise da montaxe cada unha destas instalacións itinerantes.
A consultoría técnica, cuxos equipos levan 14 anos realizando este tipo de controis, foi contratada polo Concello de Marín co obxectivo de incrementar as garantías de seguridade para todos os usuarios.
Ademais de comprobar que a instalación consta de seguro de responsabilidade civil e de solicitar a documentación técnica, Enmacosa analiza o cumprimento de numerosos requisitos de seguridade, mecánicos ou eléctricos.
Entre as cuestións para cumprir con respecto á seguridade do usuario figuran a inexistencia de arestas punzantes ou que puidesen resultar cortantes, e de desniveis ou ocos abertos sen protección, así como a estabilidade dos accesos, a sinalización das saídas ou o correcto funcionamento dos dispositivos de bloqueo e sistemas de contención de pasaxeiros.
Analízanse tamén outros requisitos sobre a seguridade do público e do contorno, como a dotación de extintores ou as posibilidades de colisión ou solapamento entre os percorridos das atraccións e entre estas e os tendidos eléctricos, edificios ou farois.
Con respecto á estabilidade estrutural, Enmacosa controla, entre outras cuestións, que bancadas e apoios estean nivelados e asentados, que a instalación non presente puntos importantes de corrosión nin deficiencias de relevancia nos cordóns de soldadura, que letreiros, focos ou carcasas embelecedoras teñan garantías de solidez, ou que todo tipo de cordas, arneses, tensores e demais elementos de seguridade similares amosen un perfecto estado de conservación e estean homologados para a súa utilización.
Non se admiten, por exemplo, cintos de seguridade desgastados nin tampouco peches que dependan unicamente dun circuíto eléctrico, hidráulico ou pneumático e que se poidan afrouxar ante unha perda de presión ou corte na subministración.
Finalmente, a revisión técnica das atraccións complétase cunha ampla comprobación do estado das instalacións eléctricas e do seu correcto funcionamento, que inclúe probas e ensaios de seguridade. O protocolo require tamén aos responsables das atraccións que coloquen carteis con recomendacións de interese para os usuarios das atraccións que detallen especificamente os riscos e, no seu caso, as limitacións de idade e altura.
Relacionadas:
-
Hombres G repasa en Marín os seus grandes éxitos ante un público entregado
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Un pregón cun marcado acento naval inaugura oficialmente as Festas do Carme
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A Escola Naval, protagonista do pregón das Festas do Carme de Marín
Por Redacción |
-
As festas do Carmen traerán a Marín aos Hombres G e a París de Noia
Por Oskar Viéitez |