A Deputación impulsa un novo sistema informático para que os concellos pequenos actualicen o padrón
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra porá en marcha un sistema informático para xestionar os padróns municipais dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes e, deste xeito, que estes municipios con menos recursos económicos poidan dar cumprimento á normativa estatal de actualización destas estatísticas.
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou na reunión deste venres o expediente para poñer en marcha un acordo marco que rexerá a prestación do servizo de implantación, uso e soporte deste novo sistema informático.
A presidenta provincial, Carmela Silva, destacou que se trata dun asunto "moi relevante aínda que poida non parecelo", en tanto que permitirá cumprir a norma estatal que obriga aos concellos a actualizar os seus padróns. O proxecto terá un orzamento de 484.000 euros e dous anos de duración, con posibilidade de prórroga por outros dous. Este ano 2017 destinaranse 81.000 euros e en 2018 e 2019 os investimentos serán de 242.000 e 161.000 euros.
"Como as leis se aproban sen ter en conta os recursos dos que dispoñen os concellos, vai ser de novo a Deputación de Pontevedra quen se fará cargo economicamente de asumir esta actualización tecnolóxica", engadiu a presidenta provincial.
O proxecto permitirá a implantación, a migración de datos, a posta en marcha, a formación e o mantemento do citado sistema informático, que estará integrado nas plataformas de administración electrónica que os concellos xa teñen implantadas.