Condenado o ex concelleiro do PP que insultou a Carmela Silva por redes sociais
Por Alejandro Espiño
O xulgado de instrución número 3 de Pontevedra condenou ao ex concelleiro do PP de Moraña, Jorge Caldas, polos insultos machistas que dirixiu contra Carmela Silva a través das redes sociais, á que chamou "mala zorra" e "sinvergüenza".
Tanto Caldas como Daniel Monteagudo, militante do PP, foron condenados por un delito de malos tratos á autoridade a un mes de multa, así como ao pago das costas procesuais. No caso de que non abonen a sanción impoñeráselle un día de cárcere por cada dous de falta de pagamento.
A presidenta da Deputación, tras coñecerse a sentenza, mostrou a súa satisfacción "en nome de todas as mulleres que son insultadas polo feito de ser mulleres".
Celebrou que con este fallo "péchase un incidente tan grave como desagradable" e afirmou que se non o deixou pasar foi para evitar que se repitan episodios similares no futuro.
Neste sentido, Carmela Silva indicou que deu instrucións ao asesor xurídico do ente provincial para que se buscase unha penalidade máis leve que o delito de inxurias graves polo que se incoaron as dilixencias previas, xa que non pretendía exercitar "unha sorte de vinganza punitiva".
"Nada xustifica o insulto e moito menos insultos tan graves e vergoñosos como os que tiven que sufrir, simplemente polo feito de ser muller, pero quero deixar moi claro que son miles de mulleres as que están a soportar episodios parecidos e non teñen a oportunidade de dicilo coa repercusión que teño eu por ser cargo público", engadiu.
Os insultos, realizados polos dous acusados a través de Facebook, producíronse tras a negativa do goberno provincial a subvencionar a celebración dun rally en Vigo.
Esta conduta custoulle o cargo ao concelleiro do PP, que dimitiu días despois.
Relacionadas:
-
Os alcaldes que insulten a Carmela Silva atoparán a súa porta pechada na Deputación
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Carmela Silva, satisfeita pola reapertura do caso dos insultos machistas realizados contra ela
Por Redacción |
-
Presentan unha queixa ante o Poder Xudicial polo arquivo dos insultos a Carmela Silva
Por Redacción |
-
A presidenta da Deputación lamenta que "haxa mulleres que non se somen á loita pola igualdade"
Por Oskar Viéitez |
-
Unha xuíza de violencia de xénero ampara na liberdade de expresión chamar "mala zorra" á presidenta da Deputación
Por Oskar Viéitez |