O BNG reclama a paralización do plan de transporte de Galicia e a apertura dun proceso de negociación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O BNG volveu a reclamar a paralización do plan de transporte de Galicia e a apertura dun proceso de negociación coas empresas de transporte, concellos, deputacións, sindicatos, Anpas e asociacións veciñais e de consumidores, entre outras.
O portavoz de Transporte e Infraestruturas, Luís Bará, insistiu na necesidade de discutir este tema "en profundidade" no Parlamento e criticou "a improvisación e as présas" da Consellería de Infraestruturas que "despois de sete anos de parálises" tenta "impoñer" mediante un proceso "sen diálogo nin participación" un novo sistema que ten "a todas as partes en contra".
Ademais o Bloque Nacionalista Galego demanda un estudo "serio" para a implantación dun novo modelo de mobilidade "multimodal" sostido na mellora do transporte público por estrada, cun novo mapa de liñas e servizos, contemplando a sincronización do transporte escolar e o regular "só en determinadas zonas", coa implantación "gradual" do transporte a demanda, a potenciación do ferrocarril de proximidade e do transporte marítimo polas rías e a aposta pola mobilidade en bicicleta ou camiñando en zonas urbanas e periurbanas coas correspondentes medidas de seguridade viaria.
Bará cualificou de "auténtica chapuza administrativa" os contratos de transporte elaborados pola Xunta "como se está poñendo de manifesto", dixo o parlamentario nacionalista, na negociación establecida coa patronal e os traballadores "onde hai rectificacións e correccións sobre a marcha" por parte da consellería.
Para o Bloque a rescisión unilateral dos contratos en vigor vai dar lugar a "millonarias indemnizacións" por parte da Xunta ás empresas de transporte e asegurou que, segundo os cálculos que manexan, os custos dos contratos elaborados pola consellería están valorados á baixa nun 40% sobre o prezo dos actuais contratos.
"No fondo aquí hai un castigo ás empresas que renunciaron ás concesións", indicou Luís Bará, no convencemento de que esta medida é o paso previo a unha reestruturación do sector "que abrirá a porta á concentración en grandes empresas en réxime de monopolio" e que levará unha masiva destrución de emprego e do tecido produtivo das pequenas e medianas empresas do país.