Agardan que a subministración de auga a Marín e Bueu estea reposta mañá
Por Alejandro Espiño
Operarios da empresa Viaqua seguen traballando para resolver a avaría detectada na subministración de auga potable a Marín e Bueu. O Concello de Pontevedra asegurou que "se non hai nada que o impida" o servizo poderá restablecerse mañá xoves.
A avaría está localizada na galería de servizos da avenida de Uruguai, fronte na rúa Irmáns Nodales. O problema na rede detectouse sobre as 12.00 horas de onte martes, ao rexistrarse un consumo elevado de auga.
Para avaliar o dano foi necesario o baleirado parcial da galería de servizo e acceder cun equipo de mergulladores e técnicos da empresa. Localizouse un desprazamento de dúas tubaxes que perderon as suxeicións, e consecuentemente, produciuse unha fuga nunha das xuntas.
Unha empresa especializada procedeu esta madrugada para cortar a tapa de formigón da galería de servizos e, desde hai unhas horas, xa se está traballando na reparación da avaría e a substitución da tubaxe danada.
Tras arranxala, aínda se tardará un tempo en cargar toda a tubaxe de auga. Trátase do punto de maior presión de auga de todo o concello.
Desde que se produciu a avaría, tan só o núcleo de Seixo está afectado con cortes de auga. En todo caso, desde Marín está a realizarse subministración de auga por horas desde o depósito de Cadrelo.
Marín ten reservas de auga nos depósitos de Pedreiras e Cadrelo e mantén a subministración da Escola Naval. En Bueu, tamén se informou da posibilidade de abastecerse de depósitos e achegas de mananciais propios.