Unha protesta do sector do metal corta a avenida Raíña Vitoria
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A concentración anunciada para este mércores polos sindicatos CIG, Comisións Obreiras e UXT ante a sede da Cámara de Comercio en Pontevedra desembocou finalmente no corte de tráfico da céntrica avenida Raiña Vitoria.
Na protesta participaron preto dun centenar de manifestantes, entre traballadores do metal, delegados sindicais e folguistas do sector transporte que hoxe secundaron unha nova xornada de paro.
Os secretarios comarcais dos tres sindicatos coincidiron nesta protesta evidenciando que o conflito se "estende" á provincia de Pontevedra para reclamar un convenio "digno", que contemple melloras salariais para os traballadores do sector. O convenio actual venceu o pasado mes de decembro.
Ramón Vidal, secretario intercomarcal de UXT en Pontevedra e Arousa, explicou que "se trae o conflito para a provincia de Pontevedra" porque é un convenio que leva negociando moitos meses "e está a ir polo mesmo camiño" que o da Coruña "e temos que unirnos para que a negociación vaia adiante".
Ao seu xuízo a reforma laboral é a "culpable" do "desequilibrio" existente nas mesas de negociación entre a patronal e os traballadores que "fai imposible atopar puntos de acordo" xa que "a patronal séntese forte" polo que entende "necesaria" a mobilización na rúa.
Pola súa banda, Marcos Conde, secretario comarcal de CIG en Pontevedra, sinalou que "estamos a tratar que conflúan as mobilizacións porque esa é a única forma de que os traballadores podamos recuperar poder adquisitivo e melloras laborais".
"Teremos que alimentar a mobilización social", insistiu Marcos Conde convencido de que "cando hai mobilizacións conséguense avances aínda que neste caso, temos que saír á rúa para non seguir perdendo".
Finalmente, o secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Ramón Piñeiro, lembrou que "o único que piden é un salario digno" nun sector tivo un incremento do 1,8% na facturación e o que se reclama é unha subida salarial, que se manteña o plus de interinidade que a patronal pretende eliminar e a redución da xornada de traballo, entre os asuntos principais.
Desde Comisións Obreiras mostráronse optimistas ao entender que "agora mesmo estamos máis preto do que estabamos hai unha semana de alcanzar un acordo", concluíu Piñeiro.