Os donos do Habana Club defenden que o seu negocio era de hostalería e non un local de alterne
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra retomou este martes o xuízo contra os catro socios de Investimentos C. S.L., a empresa que xestiona o Habana Club, un "negocio de hostalería" e non un local de alterne, segundo defenderon os acusados.
Nas súas declaracións, un tras outro, os procesados M.M.F., J.A.G.G., P.L.S.R. e A.T.C., explicaron que eles cobraban 50 euros pola habitación e sinalaron que algunhas veces estas mulleres, a maioría estranxeiras, pernoitaban no club e outras en hoteis de Pontevedra, asegurando descoñecer a que se dedicaban.
Ademais indicaron que a estas mulleres cobrábanselles as consumicións "ao mesmo prezo que todo o mundo" rexeitando que tivesen calquera tipo de comisión "por nada".
A Fiscalía solicita penas que suman oito anos de prisión para os catro procesados ao entender que cometeron un delito contra os dereitos dos traballadores ao non dar de alta na Seguridade Social a oito empregadas deste local situado en Vilaboa.
Ademais das penas de prisión, a Fiscalía tamén pide a imposición de multas de 5.400 euros para cada un dos acusados.
A vista oral continuará unha xornada máis xa que faltan os informes das partes.