O PSOE leva ao Congreso as queixas de Cuntis pola elevada sinistralidade da N-640
Por Redacción
O deputado socialista Guillermo Meijón rexistrou no Congreso dos Deputados un conxunto de iniciativas parlamentarias nas que se fai eco das queixas formuladas polo Concello de Cuntis polo elevado número de accidentes que se está producindo na estrada N-640 entre este municipio e A Estrada e demanda a adopción de medidas concretas para evitalos.
Meijón presentou unha proposición non de lei nas que insta o Goberno "a realizar un estudo integral e rigoroso" da N-640 entre A Estrada e Cuntis en materia de seguridade viaria, prevención de accidentes e mellora de trazado, accesos e pavimentación, as mesmas demandas que hai uns días xa realizou o alcalde cuntiense, Manuel Campos.
Entre as demandas do deputado socialista figura a reposición integral do firme da estrada, mellorar a sinalización da travesía en Cuntis, actuacións de seguridade viaria nas parroquias de Troáns e Portela, e actuacións de seguridade viaria e mellora das interseccións no eixo das parroquias Anllada-Couselo, todas elas actuacións que deberían realizarse este ano 2017
O texto parlamentario lembra que o viario soporta máis de 5.000 vehículos diarios e que, entre os quilómetros 209 e 210 producíronse seis sinistros no último ano, á vez que critica o recente parcheo parcial do firme,que "non serviu en ningún caso de solución ao problema".
O deputado socialista rexistrou ademais unha batería de preguntas parlamentarias coas que lle pide ao Goberno "que valore o elevado número de sinistros que se están producindo e que indique que actuacións pensa acometer, en que calendario e con que orzamento".