Os bañistas da praia da Calzada fórmanse en prevención de afogamentos
Por Redacción
Centos de veciños e visitantes que durante a pasada fin de semana acudiron á praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas, tiveron oportunidade de ampliar a súa formación con coñecementos básicos sobre prevención de afogamentos e técnicas de reanimación a través dun curso impartido polo Concello, a Fundación Mapfre e a asociación ADEAC, que outorga as bandeiras azuis.
O curso é un dos 72 que van impartir monitores especializados ao longo do verán en toda España e está pensado cun enfoque moi lúdico. No caso da Calzada, a calor da fin de semana fixo que fora unha actividade masiva, ao impartirse nunha praia chega de xente.
Segundo informou o Concello, os adultos recibiron consellos prácticos nun cuadríptico elaborado para a ocasión e realizaron prácticas introdutorias de reanimación cardiopulmonar. Aos rapaces entregouselles como agasallo unha camiseta na que previamente estamparon un dos consellos prácticos de prevención.
O Concello busca, con esta actividade, poñer da súa parte para previr accidentes nun areal que, de por si, xa conta con socorristas. Segundo os datos estatísticos, un 40% dos afogamentos son de persoas maiores de 60 anos, pero está a crecer de xeito importante no grupo dos menores de 15 anos, precisamente, un público moi habitual da praia da Calzada.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas renuncia á bandeira azul da Calzada pola falta de socorristas
Por Redacción |
-
O Concello de Ponte Caldelas defende que a falta de socorristas é "un problema temporal" alleo á súa xestión
Por Redacción |
-
Sen socorristas na praia fluvial da Calzada "por falta de previsión", denuncia o PP
Por Redacción |
-
A praia fluvial da Calzada recibe usuarios de Special Olympics Galicia
Por Redacción |