Detido un home que rompeu o nariz á súa moza e logo fuxiu en Caldas
Por Natalia Puga
Un home de 39 anos foi detido na tarde deste luns tras varias horas de procura por parte da Garda Civil por un delito de violencia de xénero por presuntamente agredir á súa parella sentimental, coa que convivía en Caldas de Reis.
Os feitos ocorreron á primeira hora da mañá deste luns en Caldas. A continuación, o suposto agresor fuxiu e a presunta vítima tivo que ser trasladada ao Hospital Montecelo para ser atendida das graves lesións sufridas. Entre outros danos, ten o nariz roto e hematomas por distintas partes do corpo.
O detido, de iniciais S.R.R., conta con antecedentes policiais, algúns deles por episodios de violencia de xénero cara unha parella anterior.
Tras a agresión e denuncia da presunta vítima este luns, a Garda Civil iniciou unha procura do home que culminou horas despois, xa pola tarde. Tras a súa detención, será posto a disposición do xulgado de garda de Caldas.