O Espazo de Lecer, punto de partida para un verán moi activo en Barro
Por Redacción
Actividades que pretenden dinamizar a xuventude do concello e fomentar a conciliación da vida laboral e familiar. É o obxectivo da programación de verán que preparou Barro para os meses de verán.
Máis de 50 nenos e nenas participan no Espazo de Lecer que se vai a realizar no Pazo da Crega nos meses de xullo e agosto. Nel, os rapaces realizarán manualidades, obradoiros ou xogos orientados a fomentar a creatividade e a imaxinación no seu tempo de lecer.
Para a xente moza do concello tamén se organizaron actividades que se van celebrar neste mes de xullo co obxectivo de que, ademais de pasalo ben, poidan adquirir coñecementos en diversas materias.
Así, haberá un obradoiro de conversa dirixido a mellorar o uso da lingua inglesa, a través da conversación e o uso fluído do idioma; ou un obradoiro de cociña de supervivencia, no que obterán os coñecementos básicos para desenvolverse na cociña e poder levar uns hábitos alimenticios saudables.
Ademais, haberá o roteiro "Descubre unha ruta con encanto e observa as estrelas", no que os participantes descubrirán lugares e feitos que os sorprenderán rematando cunha observación de estrelas dende o monte Acibal.
Tres voluntarias do concello, xunto con dúas monitoras municipais, estarán á fronte do proxecto "Os descubridores". Pretendem que o hábito lector non se perda durante este período estival e que os participantes descubran novos libros e, ao mesmo tempo, novos lugares dentro do concello.
Será os martes e xoves nas parroquias e os luns, mércores e venres na biblioteca.