Piden cinco anos e a expulsión do país para un preso reincidente da Lama por pasar droga a outro recluso
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra sinalou para este martes un xuízo por un delito contra a saúde pública. Xúlgase a un home, preso no centro da Lama no momento dos feitos, por tentar pasar dous comprimidos a outro interno. O fiscal solicita cinco anos de prisión.
Procede do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra.
O acusado é CL.F.E. un recluso condenado "en multitude de ocasións" por tráfico de drogas que, segundo o escrito de acusación da Fiscalía, foi sorprendido fornecendo dous comprimidos de rivotril e diazepam a outro interno. Unhas sustancias que teñen un valor en mercado de 8.28 euros.
O acusado utilizaba un sistema coñecido como "carro" que está fabricado con sabas do propio penal.
A Fiscalía pide para el cinco anos de cárcere por traficar con drogas dentro da prisión da Lama. Ademais solicita ao tribunal que se lle impoña unha multa de 25 euros, con tres días de privación de liberdade en caso de falta de pagamento.
O Ministerio Público entende que neste caso procede substituír a pena de prisión, unha vez cumprida nas súas dúas terceiras partes, pola expulsión do territorio nacional con prohibición de regresar durante un período de 10 anos.