A nova residencia de maiores de Cerdedo terá 59 prazas de residentes e 50 de centro de día
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade contratou a redacción do proxecto de construcción do edificio da nova residencia de maiores de Cerdedo, que pasará a contar con 59 prazas de residentes e 50 de centro de día. Construirase nunha parcela lindeira ao xeriátrico existente e estará anexo a estas instalacións.
O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asinou o contrato destes traballos de arquitectura por un importe de 40.000 euros (IVE non incluido), un 15% menos do orzamento base de licitación.
A futura residencia da terceira idade de Cerdedo suporá triplicar a oferta existente, xa que o actual inmoble conta con 18 prazas para residentes, que se completan coas 30 de centro de día. Neste novo complexo todas as habitacións terán unha superficie de 30 metros cadrados e disporán de terraza.
O edificio actual manterase, pero vai vivir un proceso de readaptación e remodelación para convertelo integramente en centro de día, o cal permitirá tamén gañar prazas neste servizo de coidado de persoas maiores, pasando das 30 actuais ás 50 futuras. En total, serán 109 prazas de atención á terceira idade no municipio.
Os responsables de Cerdedo-Cotobade consideran que este contrato "é un paso moi importante" para a consecución dun investimento fundamental no eido dos servizos sociais, xa que permitirá dispor de máis dun cento de prazas para a residencia e atención das persoas maiores, algo prioritario nun municipio das súas características.