Hiperpaternidade. Dise, segundo os expertos, da conduta que adoptan certos pais e nais que optan por sobreprotexer os seus fillos. Este control impídelles ser autónomos e provoca que estes sexan máis fráxiles, xerando co tempo adolescentes e adultos con máis medos e inseguridades.
A xornalista Eva Millet, autora do libro Hiperpaternidad, define este fenómeno como pais que ven aos seus fillos como seres intocables, aos que hai que defender custe o que custe e solucionarlle todos os seus problemas.
Isto, coincide a pedagoga Ana Couto, implica que "tendemos a que os nenos teñen que ser perfectos", unha esixencia que os pais depositan sobre os seus fillos e, á vez, "que a sociedade deposita sobre os seus pais". A consecuencia de asumir a responsabilidade do menor é que "o neno non aprende", xerando problemas de autoestima e autonomía persoal.
A psicóloga Jone Ojeda, responsable do programa municipal Namorando, engade que esa presión social fai que os pais "entren nunha competición absurda" porque cada neno "ten o seu ritmo, os seus tempos e as súas necesidades" e respectalo "é o que vai facer que evolucione como realmente ten que facelo".
Nunha liña similar, Silvia Puga, mestra no colexio de Ponte Sampaio, entende que como pais "autoesixímonos moito" e á gran maioría "cústanos dicir non" aos fillos, algo que "se nota nos centros educativos". Defende que aos nenos "hai que darlles liberdade para que poidan escoller" e que os pais "deben relaxarse" e non asumir toda a responsabilidade.
A quen non lle gusta nada o termo hiperpaternidade é a Alba González, membro de Fanpa Pontevedra. Esta nai de dous fillos asegura que é a sociedade a que, ás veces, "empúxache a esa sobreprotección" e a autonomía dos nenos "non sempre é premiada" desde os centros educativos. Aínda así coincide en que os nenos "teñen que aprender a frustrarse".
Isto son só as súas posicións iniciais. O resto do debate podes escoitalo dándolle ao play.