A empresaria Conchi Pereiro, pregoeira das Festas da Peregrina 2017
Por fin desvelouse un dos segredos mellor gardados das Festas da Peregrina de Pontevedra, o nome da pregoeira. Será a empresaria Conchi Pereiro, vinculada profesionalmente co sector das axencias de viaxe. É a persoa elixida polo Concello para dar o pistoletazo de saída á semana grande dos festexos patronais.
"Estou moi orgullosa de que pensaran en min", explicou a flamante pregoeira durante a súa presentación. "Non pensaba nin non máis remoto que me chamarían para dar o pregón", sinalou esta muller nada en Melide (A Coruña), pero que leva vivindo en Pontevedra "moitos máis anos que no resto dos lugares xuntos".
É unha muller "que está en todo", destacou a concelleira de Festas, Carme da Silva. Ademais da súa axencia de viaxes, forma parte de AEMPE, colabora con asociacións ecoloxistas como Vaipolorío e participa en colectivos culturais como Os Saljariteiros ou Trubincos de Batán. "Son unha metiche. Non paro", recoñece a pregoeira entre risas.
A súa intensa participación na vida social e cultural da cidade é, para o goberno municipal, o que lle fai merecedora de dar o pregón das Festas da Peregrina. "É un luxo para a cidade contar con mulleres así", destacou Da Silva, ao contribuír ao dinamismo de Pontevedra e estar sempre disposta a "colaborar en positivo polo ben da cidade".
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, tamén encomiou o perfil de Conchi Pereiro, unha persoa que "representa a moitos homes e mulleres que fan de Pontevedra unha cidade dinánima", unha característica que "queremos poñer en valor", xa que segundo o rexedor "o máis importante da cidade é a súa xente, que está feita dunha pasta especial".
De feito, a pregoeira desvelou que a proposta do Concello chegoulle xusto cando participaba nunha actividade cultural, os Cantos de Taberna, "e non me deron tempo a pensar se aceptaba ou non". Agora, asegura estar "moi agradecida" e orgullosa de representar "a todas as mulleres de Pontevedra, porque nós somos o puntal da cidade".
Aínda que asegura non ter pensado como vai ser o pregón, máis aló de pequenas "pinceladas" que xa se lle cruzaron pola mente, Conchi ten claro que haberá oco para falar das bondades de Pontevedra, unha cidade de "tamaño perfecto" da que destaca "a súa tranquilidade, a súa seguridade e a súa calidade de vida", xunto coa "intensa" actividade social, cultural ou deportiva que hai nas rúas.