Deteñen un home de 82 anos por roubar pedras de rotondas de Pontevedra
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra detivo un home de 82 anos ao que sorprenderon roubando cantos rodados nunha rotonda de Pontevedra. Interviñéronlle catro bolsas con pedras procedentes de varias glorietas e outras tres con pezas de decoración das que se descoñece a orixe.
Segundo informou a Policía Local de Pontevedra, todo ocorreu sobre as 23.00 horas do pasado 22 de xuño. Un particular chamou á Policía Local alertando de que presenciara como unha persoa de idade avanzada collía pedras da rotonda situada en Orillamar entre a avenida de Uruguai e a ponte das Correntes.
Grazas ás cámaras de control de tráfico, a Policía Local puido comprobar os feitos e unha patrulla dirixiuse ao lugar para interceptar ao responsable, un home que resultou ser veciño de Soutomaior de 82 anos e ao que se atribúe un delito de furto.
O home viaxaba a bordo dun turismo Opel Astra e, xusto cando a Policía tivo coñecemento do furto, abandonou o lugar en dirección á avenida das Corbaceiras e Jofre de Tenorio. Grazas ás cámaras e a unha patrulla, seguíronlle os pasos e logrou ser interceptado na rúa Pardo Bazán.
Nada máis darlle o alto, os policías descubriron que levaba dúas bolsas de plástico cheas de pedras no asento traseiro do vehículo. O home aseguroulles que non levaba nada máis, pero pedíronlle que abrise o maleteiro e descubríronlle alí outras dúas bolsas de tea cheas dos mesmos cantos rodados que el mesmo recoñeceu que fora collendo en distintas rotondas da cidade.
En total, tiña catro bolsas que procedían de rotondas e tamén outras tres cunha etiqueta dun establecemento de decoración cheas de pedras. No caso destas tres, non puido acreditarse a orixe.