Os comerciantes estiman que cada pontevedrés gastará 57 euros de media nas rebaixas
Por Oskar Viéitez
A Federación Provincial de Comercio vén de facer público o seu estudo de mercado sobre as rebaixas de verán, estimando que na provincia gastaranse un total de 52,5 millóns de euros, segundo se desprende das enquisas efectuadas. Destes, algo máis de 7 millóns de euros corresponden á comarca de Pontevedra e 5,5 millóns de euros á comarca do Salnés.
A media de gasto estimada por consumidor na provincia de Pontevedra é de 51,02 euros, no caso concreto da capital a cifra elévase ata os 57 euros por persoa.
As rebaixas de verán nas grandes cadeas comerciais e na maioría do comercio, comezan o 1 de xullo ata primeiros de setembro.
Desde a federación destacan que un 40% do comercio da provincia de Pontevedra, principalmente as grandes cidades, levan máis de dous meses con descontos especiais, vendas extraordinarias, e nalgúns casos, os descontos que houbo durante estes meses, oscilan entre un 50% e un 60%.
A Federación Provincial de Comercio de Pontevedra espera destas rebaixas de verán que sexan boas cun incremento dun 5% no gasto. Para iso axudará o tempo seco e asollado que estamos a ter.