Morre un motorista tras chocar cun turismo e deteñen o condutor do coche por ir sen carné e drogado
Por Oskar Viéitez & Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un motorista de 30 anos, D.A.L., casado e veciño da parroquia de Cornazo en Vilagarcía, morreu ás 23.30 horas do luns nun accidente de tráfico.
O sinistro consistiu nunha colisión entre a súa moto e un turismo na que a Garda Civil de Tráfico sostén que o condutor do coche realizou "unha manobra indebida".
Pouco despois, a Garda Civil detivo o condutor do turismo como suposto autor dun delito de homicidio imprudente e contra a seguridade viaria. Trátase dun veciño de Vilagarcía de 25 anos que responde as iniciais E.O.E.
No momento do accidente, o mozo non tiña permiso de conducir porque perdera a súa vixencia. Ademais, sometéronlle á proba de control de drogas e deu positivo.
O sinistro tivo lugar na estrada PO-549, que une Catoira con Vilagarcía. Segundo informaron os servizos de Emerxencias a moto que pilotaba o falecido circulaba á altura do cruzamento de Campanario, na parroquia de Bamio cando foi alcanzada por un turismo que accedía á vía.
A pesar dos esforzos do equipo médico por salvar a súa vida o mozo faleceu ao chegar ao hospital.