Cuntis insta á limpeza do monte privado
Por Oskar Viéitez
O Concello de Cuntis esta levando a cabo a campaña de roza de vías na zona rural. Trátase de traballos de mantemento de vías e de prevención de incendios, tal e como obriga a lei.
Para este labor emprégase persoal da brigada de obras do concello e maquinaria da Deputación. Segundo informan desde o goberno local, nos próximos días incorporarase persoal que está a ser seleccionado para a brigada de prevención de incendios.
O Concello pediu a colaboración dos propietarios de terreos privados e das comunidades de montes para que limpen as franxas de protección na contorna dos núcleos poboados. Desde o Concello está a remitirse durante estes días unha comunicación lembrándolles que teñen que acometer a limpeza dos terreos lindeiros con vivendas e núcleos de poboación. Neste sentido tamén se emitiu un bando informativo.
Por outra banda a Policía Local empezou a redactar informes de inspección daqueles terreos que foron denunciados por particulares. O Concello tamén está a actuar naquelas leiras nas que os seus propietarios xa son reincidentes e non procederon á súa limpeza. Estas tarefas céntranse a día de hoxe na parroquia de Estacas, Arcos e Cuntis, estando case finalizada a parroquia de Troáns.
Desde o grupo de goberno aseguran que están "a traballar para mellorar o servizo que presta o concello" e protexer o medio ambiente con actuacións que son "indispensables" reiterando a súa chamada á "colaboración" veciñal no ámbito que afecta a terreos particulares.
Relacionadas:
-
Cuntis demanda fondos para facer fronte á prevención de incendios e a avespa velutina
Por Natalia Puga |
-
O goberno provincial presenta o reparto de máis axudas do Plan Concellos
Por Oskar Viéitez |
-
O distrito forestal de Pontevedra destina medio millón de euros para rozar 248 hectáreas
Por Redacción |