Un cento de persoas estrea o formato de tarde do programa de andainas Patea Tapea
Por Redacción
As andainas do programa Patea Tapea de Ponte Caldelas estrearon esta fin de semana o horario de tarde cun grande éxito de participación. Máis de cen persoas percorreron o roteiro proposto para a cuarta saída da actividade.
Segundo informou o Concello, os asistentes percorreron unha ruta de 10 quilómetros por un itinerario que incluía o camiño da Fonte Choca ata a presa de Parada, que vén de ser restaurada polo Concello. Os participantes chegaron á aldea do Verdugo, onde realizaron a habitual parada con tapeo no Jamarte, establecemento de hostalería recentemente reinaugurado.
A continuación baixaron ata o río buscando os muíños de Taboadelo e achegáronse á ermida de San Vicente. Despois de visitar os muíños do Castro, con volta pola corredoira ata Parada, cruzaron o río Parada para volver por Cuñas a Ponte Caldelas.
O programa Patea Tapea estreouse este ano como fórmula para alentar o lecer san por parte de toda a veciñanza e visitantes que se acheguen a Ponte Caldelas. A próxima saída está programada para o próximo 8 de xullo.