Rubén González e Sergio Orge (El Cafetín) volven representar a Pontevedra no certame De Tapas por Galicia
Por Redacción
Rubén González e Sergio Orge, chefs de El Cafetín, volverán representar a Pontevedra na final do certame De Tapas por Galicia en Santiago. Tratarán de reeditar o resultado da pasada edición do certame, na que foron distinguidos co Premio Mellor Cociñeiro.
Os cociñeiros pontevedreses concorren cun pincho de nome humorístico 'Jack O Langostino, imos por partes', gañador de Pontedetapas, unha proposta sorprendente que busca aproveitar ao máximo as posibilidades do langostino.
Así, tras pelalo, a cabeza e os corais empréganse para crear unha emulsión, as patas frítense e deshidrátanse para presentalas como snack crocante con caviar cítrico, e coas carcasas faise un aceite no que se confeita a carne, curada durante 24 horas en auga de mar.
De Tapas por Galicia reunirá no Hotel San Francisco de Santiago de Compostela o próximo 4 de xullo aos gañadores dos concursos de petiscos das sete cidades galegas. Durante o evento entregaranse un premio por parte dun xurado formado por profesionais da gastronomía e a restauración; e outro outorgado por unha selección do público asistente.
É un certame organizado por Turismo de Galicia que busca promover o turismo urbano e gastronómico aproveitando a puxanza dos cociñeiros galegos, e especialmente a súa creatividade á hora de idear este tipo de pratos de pequeno formato.
Relacionadas:
-
Loaira, Casa Román e Icewolf, os mellores de Pontedetapas para o xurado; El Cafetín, para o público
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Rubén González e Sergio Orge (El Cafetín), gañadores do concurso De Tapas por Galicia
Por Redacción |
-
Rubén González e Sergio Orge representarán a Pontevedra na final do certame De Tapas por Galicia
Por Redacción |