Corrixen as filtracións de pluviais no paseo polo río Verdugo
Por Redacción
En resposta ás peticións dos veciños que utilizan o paseo de pedra polas beiras do río Verdugo, o Concello de Ponte Caldelas acaba de executar catro obras que permitirán corrixir tres puntos de filtración de augas pluviais e construír un peto que evita as salpicaduras dun regato.
O paseo, situado en pleno centro urbano de Ponte Caldelas, está agora mellor acondicionado, en especial no tramo máis próximo á ponte. Deuse resposta desta maneira á demanda veciñal de que se corrixiran estes problemas, pois, ademais de molestias, supoñían un serio risco de escorregar.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, o alcalde, Andrés Díaz, supervisou os resultados e comprobou que o novo peto de pedra recolle perfectamente a caída da auga do regato situado ao comezo do paseo da Calzada, antes de desembocar no leito do Verdugo.
As outras tres actuacións consistiron en pasar por debaixo do pavimento de pedra as saídas de pluviais e, nun dos casos, instalouse unha baixante diante da gran pendente existente, o que impedía outra solución.
Para poder realizar as obras agora rematadas foi preciso solicitar autorización do organismo autónomo Augas de Galicia e o alcalde denuncia que se demorou 10 meses.
Por outra banda, o Concello segue a expresar o seu malestar ao comprobar que case cinco meses despois dos temporais do pasado mes de febreiro as árbores caídas no tramo urbano do Verdugo, unha delas apoiada directamente na ponte, seguen sen ser retiradas. A actuación é competencia de Augas de Galicia.