Dúas persoas feridas nunha saída de vía na AP-9 en Caldas
Por Redacción
Dúas persoas feridas tiveron que ser evacuadas a un centro sanitario este sábado tras sufrir un accidente na autoestrada AP-9 en Caldas de Reis.
Segundo informou Protección Civil de Caldas, o sinistro produciuse sobre as 18.30 horas no punto quilométrico 110 da autoestrada sentido Vigo.
Un vehículo marca Volkswagen saíu da vía e quedou na beiravía. Como consecuencia do impacto, dúas persoas que circulaban no turismo resultaron feridas e producíronse importantes danos materiais.
O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 mobilizou a Protección Civil de Caldas, a Garda Civil de Tráfico e Urxencias Médicas de Galicia.
FERIDO EN VILAGARCÍA
Na tarde deste sábado tamén se rexistrou un accidente con lesións en Vilagarcía de Arousa. Un motorista resultou ferido ao sufrir unha caída na avenida Ramón Fernández Matos, preto dun parque infantil.
Segundo informou o 112, unha persoa particular deu a voz de alarma ás 16.00 horas. Indicou que estaba a ver desde a súa casa á vítima tendida no chan.
Con estes datos, o persoal do 112 informou a Urxencias Médicas, aos Bombeiros do Salnés, ao Servizo Municipal de Emerxencias e á Policía Local de Vilagarcía.