Todo listo para a procesión da Purísima Concepción: os veciños cumpriron coa tradición do arco floral de Silvoso
Por Redacción
Na igrexa de Silvoso, na parroquia da Insua, en Ponte Caldelas, está todo listo para que este domingo 25 de xuño saia a procesión da Purísima Concepción. As escaleiras de entrada ao adro locen o tradicional arco floral de 8 metros de altura elaborado polos veciños e instalado este sábado.
Os veciños aseguran que herdaron a tradición de instalar o arco floral dos seus avós e estes, á súa vez, dos seus pais. Ninguén sabe precisar dende cando se mantén este costume popular, moi pouco habitual fronte á máis frecuente das alfombras florais.
O arco está feito fundamentalmente con hortensias, margaritas e gladiolos recollidos polos veciños e elabórase por partes, cada unha a cargo dun barrio. Toda a estrutura, que este ano se estrena en aluminio, vai coroada cunhas polas de piñeiro, das que penduran as bandeiras de Galicia e de España.
Logo de días de traballo, o encaixe final, o traslado e a montaxe levaron toda a tarde deste venres. Segundo informou o Concello de Ponte Caldelas a través dun comunicado, este sábado tocou a colocación do arco, que se fixo coa axuda dunhas cordas. Asistiu o alcalde, Andrés Díaz, que felicitou á veciñanza por manter viva esta tradición tan singular.
Este domingo será o día solemne, coa procesión ao mediodía que rematará pasando baixo o arco florido e na que participan os santos das igrexas de Silvoso e da Insua.