O PP reclama á Deputación informes sobre o posible traspaso de competencias á Xunta
Por Redacción
O grupo provincial do PP reclama á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, uns informes sobre a posible transferencia á Xunta de Galicia de competencias de varios centros e servizos que actualmente está xestionando a institución provincial, entre eles, a Cidade Príncipe Felipe, a finca de Mouriscade ou a Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
A voceira do grupo, Nidia Arévalo, asegura que a Xunta está esperando eses informes desde hai catro meses e recorda que Carmela Silva se comprometeu en febreiro, na reunión que mantivo co preidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a aportar documentación para concretar custos, o funcionamento e a situación de todos estes centros e servizos.
"En febreiro xa foi á reunión sen os deberes feitos, sen aportar nin un só documento dos temas que quería tratar co presidente galego, pero o peor de todo é que seis meses despois continúa sen aportar nin un só dato ao respecto", lamenta Arévalo, que considera que cada día "é máis evidente a falta de traballo" de Carmela Silva.
A voceira do PP ve un "pasotismo absoluto" da presidenta e recorda que o que se lle está reclamando é un estudo detallado e serio sobre o estado das instalacións das que se quere desprender. Ao respecto, bótalle en cara, ademais, que "o peor de todo é que nin presentan os informes, nin están asumindo unha xestión seria e responsable de todos estes centros".