Enfróntase a 17 anos de cárcere por agredir sexualmente a nenas en Ponteareas, Nigrán e Mondariz
Por Redacción
Dezasete anos e medio de prisión. É a condena á que se enfronta, por tres delitos de agresión sexual, un home acusado de facer tocamentos a tres menores pola rúa. Será xulgado o vindeiro xoves 29 de xuño na sección segunda da Audiencia de Pontevedra.
O caso procede, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, do xulgado de instrución número 2 de Ponteareas.
A primeira agresión sexual que lle imputa o fiscal sucedería, segundo o escrito de acusación, o 21 de febreiro de 2015.
O acusado seguiu a un grupo de tres nenas que paseaban en bicicleta polo lugar da Gándara (Ponteareas). Alcanzou á que ía máis atrasada, unha menor de 12 anos, á que lle tocou os peitos. Os seus berros e a intervención das amigas fixeron que desistise e marchase.
O 3 de xuño de 2015, continúa o fiscal, o acusado seguiu en coche a unha nena de 14 anos que se regresaba a casa, en Nigrán. Ademais de tocarlle en partes íntimas, agarrouna do brazo e intento levala para o coche, pero non puido facelo ante a resistencia da menor que acabou fuxindo do lugar.
O último dos feitos que lle imputa a Fiscalía sucedeu o 24 de xullo de 2015. O home achegouse ata unha menor de 17 anos, que camiñaba por Mondariz-Balneario, e sen mediar palabra propinoulle dúas puñadas na cara e tras inmobilizala tocoulle nas súas partes íntimas. As feridas que lle causou tardaron cinco meses en curarse.
Todas as vítimas presentan secuelas psicolóxicas por eses episodios, desde medo, alteración do patrón do soño, nerviosismo ou problemas para establecer relacións sociais, ata trastornos postraumáticos que, a unha das nenas, impídelle ir sen compañía pola rúa ou quedar soa en casa.
Xunto coa pena de cárcere, a Fiscalía pide que o acusado estea en liberdade vixiada durante sete anos tras saír de prisión e que indemnice ás tres vítimas con case 21.000 euros.