20.000 persoas irán 'En ruta coa Depo'
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar o contrato para a xestión, desenvolvemento e execución do programa 'En ruta coa Depo' á empresa Halcón Viajes. O proxecto ten un orzamento de 260.000 euros, 21.500 máis que no ano 2016.
'En ruta coa Depo' oferta ata un máximo de 20.000 prazas para gozar dun día coñecendo diferentes lugares da provincia de Pontevedra, acompañados dunha persoa como guía e incluíndo o xantar e o transporte. Este ano, por primeira vez, haberá prazas de balde, un total de 400, para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social.
A institución provincial preparou un total de 32 actividades divididas en rutas temáticas, culturais, marítimas, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais. A Xunta de Goberno deste venres adxudicounas.
O programa ten por finalidade crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional, ao tempo que impulsa actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable. As rutas adaptadas ofertan tres alternativas para persoas con mobilidade reducida por Vigo, Pontevedra e Baiona.
'En ruta coa Depo' tamén oferta rutas específicas onde pais e titores poidan gozar cos nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais. O programa oferta tres modalidades, unha por Pontevedra e Marín, outra leva ás entidades ata Barro, Campo Lameiro e Valga e a terceira vai por Vigo.