Os bombeiros interveñen en Cobián Roffignac ante o perigo de desprendemento nun edificio
Por Redacción
Os bombeiros de Pontevedra e a Policía Local tiveron que intervir na rúa Cobián Roffignac ante o perigo do desprendemento dunha lousa no edificio número 6 desta vía.
Un policía de paisano foi o que comprobou a rotura desa peza da fachada do edificio no que se atopa unha coñecida discoteca de Pontevedra e chamou á Policía Local, que transmitiu a incidencia aos bombeiros. Ata esta céntrica rúa desprazáronse utilizando un furgón e un camión con escaleira mecánica para revisar o estado da fachada de todo o edificio.
Desta forma eliminaron partes calcarias da fachada, unha vez que a Policía Local estableceu un precinto en toda a contorna para evitar que puidese desprenderse algún elemento do edificio sobre os viandantes.
A presenza do dispositivo de emerxencias nesta rúa obrigou a desviar o tráfico polo primeiro tramo da rúa. Numerosas persoas víronse sorprendidas pola intervención dos bombeiros.