VIDEO.- Un escape de gas ocasiona un incendio na Caeira
Por Diego Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Varias dotacións dos Bombeiros de Pontevedra, O Salnés e do GES de Sanxenxo tiveron que acudir este venres a un escape de gas na Caeira, no concello de Poio.
Segundo informou o CAE 112 Galicia foi un particular o que alertou ás dez desta mañá dun incendio na rúa Río Oitavén á altura do número 9.
Ao chegar ao lugar do suceso os efectivos de emerxencias atoparon cunha gran labarada que alcanzaba os catro metros de altura e algunhas fortes explosións provocadas pola rotura dunha tubaxe da condución do gas cidade.
Tamén foron mobilizados Garda Civil e Policía Local, así como unha ambulancia do 061 aínda que xa se avisaba de que non había feridos.
Os bombeiros conseguiron apagar a chama ás 11.15 horas, depois que se cortase a suministración de gas, aínda que os traballos continuaron na zona acordoada polos efectivos de seguridade.
Responsables da Garda Civil e da Policía Local informaron no lugar dos feitos que foron desaloxados dous edificios desta rúa.
Unhas 35 persoas, segundo estas mesmas fontes, tiveron que saír das súas casas como medida de precaución. Ao resto de veciños da zona pedíuselles que pechasen as xanelas e baixasen as persianas.
Os bombeiros detectaron unha forte concentración de gases nos garaxes do edificio máis próximo á tubaxe incendiada, polo que non se permitiu a volta ás vivendas ata pasadas as 14:00 horas da tarde, persistindo o corte non só de gas senón tamén de electricidade e auga.
Os efectivos de emerxencias e técnicos de Gas Natural aínda non sinalaron a causa do accidente.
CRÍTICAS POLO TEMPO EMPREGADO EN CORTAR A SUBMINISTRACIÓN
Ata o lugar do suceso achegouse tamén o alcalde de Poio, Luciano Sobral, que asegurou que "o que nos preocupa é a seguridade", ao pedir paciencia na volta dos veciños aos seus fogares.
Máis crítico foi o rexedor co tempo empregado en cortar o suminitro de gas, que prolongou as chamas durante máis dunha hora. "É unha cousa que me estraña, esto cortouse dende a central de Madrid. Por que tardaron tanto? É unha pregunta que tamén me fago eu e tamén de algunha maneira é unha queixa e polo menos unha inquietude. Así como Fenosa cortou o suministro con moita rapidez, o gas eu non son técnico pero entendo que tería que haber máis axilidade nun caso destes", sinalou Sobral.
En todo caso, unha vez que se produciu o corte a acumulación de gases nas tubaxes mantivo activo o incendio "ata que se consumiu", explicou o alcalde.
RETORNO ÁS VIVENDAS
Segundo a información facilitada polo servizo de Emerxencias do 112, os veciños das vivendas desaloxadas tras a rotura da tubaxe de gas xa teñen regresado aos seus domicilios.
Os efectivos de emerxencia desprazados ata o lugar procederon á ventilación do garaxe, unha vez confirmado que que non había risco de explosión. Precisamente no interior do garaxe rexistráronse pequenos desprendementos.
Segundo o 112, a causa do incendio da tubaxe atópase nun cortocircuíto nun cable próximo.