Detido un pontevedrés de 19 anos por abusar dunha menor de 16 en plena rúa
Por Natalia Puga
A colaboración cidadá e a rápida intervención da Policía Local de Pontevedra permitiron a detención dun mozo de 19 anos por presuntos abusos sexuais a unha moza menor de idade á que realizou tocamentos en plena rúa sobre as 16.45 horas deste mércores 21. Foi arrestado tan só uns minutos despois no centro histórico e trasladado á Comisaría Provincial. Pouco despois, foi posto a disposición xudicial e quedou en liberdade.
Segundo informou a Policía Local de Pontevedra, unha persoa solicitou colaboración policial tras presenciar como un home metía man a unha moza na rúa Perfecto Feijóo. A moza, de 16 anos, ía cunha amiga e este home achegóuselle e realizou tocamentos. A continuación, botou a correr pola rúa Santa Clara en dirección ao centro histórico.
O cidadán que alertou á Policía facilitou datos físicos do mozo que se propasara coa menor. Tratábase, segundo indicou, dun mozo moreno e delgado, totalmente vestido de negro e que levaba unha gorra branca e lentes de sol de espello de cor azul verdoso. Con esta descrición, deuse aviso a todas as patrullas policiais de garda e finalmente unha dotación motorizada localizou ao sospeitoso na rúa Arco, no centro histórico.
A patrulla deu o alto ao mozo na rúa Cousiño e solicitoulle a documentación. Para facilitar a identificación, outra unidade policial recolleu á vítima dos abusos e á amiga que a acompañaba a bordo dun vehículo policial cos cristais tintados.
O coche achegouse ao sospeitoso, pero sen que o mozo vise ás mozas que estaban dentro, e elas puideron confirmar que fora a mesma persoa que as asaltara en Perfecto Feijóo.
Unha vez que as mozas o recoñeceron, o mozo foi detido e trasladado á Comisaría Provincial da Policía Nacional. Trátase dun veciño de Pontevedra de 19 anos ao que se atribúe un delito de abusos sexuais.