O xuízo da estafa a Toyota céntrase nas posibilidades de manipular o pó catalítico no transporte
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Acusación, defensa e fiscalía analizaron os procesos de traslado de material desde Galicia ata Xapón nesta segunda xornada do xuízo da sección cuarta da Audiencia Provincial contra Javier Agostini, empresario xerente de Newtec, unha entidade con sede en Mondariz, que se dedicaba a recoller catalizadores, extraerlles o po catalítico para a súa posterior venda a distintas multinacionais.
Agostini está acusado de cambiar o contido dos colectores introducindo area en lugar do po catalítico.
Os dous primeiros técnicos de peritaxe declararon a través de vídeo conferencia. Unha enxeñeira industrial encargada de realizar informes periciais sobre o transporte explicaba á sala que é posible realizar manipulación do corte da parte superior dun colector no que se trasladaba o po catalítico.
Pola súa banda, un comisario oficial da Policía Mercante, que realiza peritaxes para a compañía de seguros da empresa que realizou o transporte, manifestou que segundo os informes recibidos de Xapón o cambio de contido só puido producirse ao cargar os colectores en Mondariz. Apuntou que non sería posible levar a cabo unha manipulación en alta mar durante o traslado porque levaría un proceso dificultoso de cambio de precintos nun transporte no que a carga vai como "grupaje" almacenada indistintamente con outros colectores.
A defensa tentou poñer en cuestión este testemuño sinalando que os seus informes foran realizados por encargo da aseguradora que traballa para a empresa que se encargaba de xestionar a mercadoría durante o traxecto. Este perito recoñeceu que visitara Newtec onde comprobara todo o proceso de elaboración do po catalítico e admitiu que Javier Agostini acompañoulle durante a súa visita.
Tamén declarou o encargado de coordinación da empresa que organizaba os medios de transporte do produto, quen confirmou que o seguro sería o encargado de abonar as indemnización no caso de que se rexistrase algún problema durante a viaxe. E sinalou que non tivera constancia dalgún problema de vixilancia ou de seguridade durante o traslado dos colectores afirmando que os precintos estaban intactos á súa chegada a Xapón.
O 20 de xullo está previsto que se retome o xuízo con novos testemuños.