Rafael Durán, novo decano da facultade de Fisioterapia
Por Redacción
A facultade de Fisioterapia, no campus de Pontevedra, conta desde este mércores cun novo equipo directivo.
Rafael Durán, profesor do departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, foi nomeado decano en funcións en substitución de Gustavo Rodríguez unha vez esgotado o mandato deste último e de que non se presentasen candidaturas ás eleccións convocadas no centro.
Lilian Rosana Ferreira será videcana e Lourdes Maceiras continúa na secretaría académica completando o equipo directivo que estará á fronte da facultade durante o próximo curso 2017/2018.
"Chegamos aquí polas circunstancias, asúmese como unha necesidade e a predisposición é a mellor posible", declarou o novo decano, que reivindicou a facultade de Fisioterapia de Pontevedra como "un centro punteiro".
As súas primeiras responsabilidades centraranse en completar a preparación do próximo curso "e despois gustaríanos ver tamén o futuro da propia facultade", recoñeceu Durán ante o que se prevé como "unha época de cambios" pola RPT (Relación de Postos de Traballo) do persoal de administración e as xubilacións previstas entre o equipo docente.