Descarrilamento de película, simulacro na vida real
Un tren diésel de media distancia da serie 599 de Renfe que fai o servizo A Coruña-Vigo descarrila á entrada da estación de Pontevedra. Un dos tres vagóns empeza a arder. Abordo viaxan 55 pasaxeiros, dos que catro quedan atrapados e resultan feridos de gravidade e 10 de carácter leve. O descarrilamento, o máis grave da historia da estación de tren de Pontevedra, mobiliza un amplo dispositivo de seguridade e tamén congrega na zona a multitude de curiosos.
A secuencia de feitos aquí relatada ocorreu a partir da medianoite deste mércores, pero, afortunadamente, non foi un accidente ferroviario real, senón un simulacro para testar a capacidade de reacción das forzas de seguridade e servizos técnicos e de emerxencias en caso dun sinistro grave como o escenificado ou doutros de maior envergadura como o ocorrido o 24 de xullo de 2013 ao descarrilar un tren Alvia no barrio compostelán de Angrois, con 80 mortos e 144 feridos.
O obxectivo do exercicio, dos que se realizan 40 ao ano no Noroeste Peninsular, era avaliar a capacidade de resposta ante unha catástrofe ferroviaria, tanto por parte das empresas ferroviarias Renfe e Adif como na súa coordinación con todos os efectivos que se mobilizan en caso de sinistros desta envergadura, de modo que resultaba crucial poñerse no peor escenario posible e prever calquera posible imprevisto.
Para iso, contouse coa colaboración de figurantes procedentes, en boa parte, de grupos de teatro locais, entre eles, a aula Municipal de Teatro, que se fixeron pasar por viaxeiros e recrearon todas as posibles situacións xeras nun rescate. Entre os pasaxeiros había persoas con mobilidade reducida, maiores e un invidente e, entre os feridos, había quen gritaba "socorro, queremos salir" nada máis descarrilar o tren; quen, empezado o rescate, reclamaba "que alguien nos ayude, que hay heridos", ou aqueles que simulaban unha coxeira ou fortes dores en distintas partes do corpo.
O simulacro resultou visualmente pouco rechamante, en tanto o tren permaneceu en pé durante as preto de dúas horas que durou e non se recreou o lume do vagón, pero si que chamou a atención de multitude de curiosos, que se achegaron ata a estación de tren para seguir o desenvolvemento do exercicio en vivo ou o viron asomándose ás xanelas e balcóns das súas casas.
O simulacro avanzouse a través da prensa, pero si houbo persoas que descoñecían da súa existencia e sobresaltáronse co amplo despregamento de medios realizados en pleno centro de Pontevedra a medianoite. Ambulancias, bombeiros, policías (Local, Nacional e Autonómica), Protección Civil, Cruz Vermella e numerosos técnicos de Renfe e Adif desprazáronse ata a estación e, para recrear un accidente real, cortouse a circulación en todas as estradas de acceso.
O simulacro empezou coa simulación do descarrilamento á entrada da estación -non literal- e o correspondente aviso ao 112 Galicia, que se encargou de mobilizar aos medios de emerxencias. 25 minutos despois estaban despregados os bombeiros e sanitarios do 061 e Cruz Vermella, pero os feridos xa empezaran a recibir asistencia antes.
Persoal da estación e os pasaxeiros que resultaron ilesos axudaron a desaloxar os tres vagóns do tren e chegar ata a plataforma. Xa coa chegada dos bombeiros, e tras sufocar o lume iniciado nun vagón, procedeuse a excarcerar aos catro viaxeiros que quedaran atrapados e o seu traslado a centros hospitalarios. Os feridos leves recibiron asistencia no lugar, tanto na plataforma como nun lugar habilitado na zona de estacionamento da estación, todo baixo coordinación do posto de mando avanzado, situado na propia estación.
Todos os detalles do discorrer do simulacro foron convenientemente rexistrados por un grupo de observadores que nos próximos días realizarán unha avaliación dos protocolos, tempos de resposta, coordinación e outros detalles do exercicio técnico.